ARTE PALEOCRISTIANA E BIZANTINA
ARTE PALEOCRISTIANA
Ubicación xeográfica
A arte paleocristiana desenvolveuse principalmente no Imperio Romano, sobre todo en Roma e outras zonas de Italia, así como en territorios do Mediterráneo oriental. Espállase entre os séculos II e V d.C.
Contexto histórico
Xorde nun momento no que o cristianismo era inicialmente unha relixión perseguida polo Imperio Romano (etapa de persecución SII ata 313) . Tras o Edicto de Milán no ano 313, promulgado por Constantino I, o cristianismo foi legalizado e máis tarde converteuse na relixión oficial do Imperio (etapa de libertade 313 a SVII) . Este cambio permitiu o desenvolvemento dunha arte propia ao servizo da nova fe, que adoptou formas romanas pero cun novo significado simbólico.
Arquitectura
A tipoloxía máis característica é a basílica, edificio adaptado da arquitectura civil romana. Presenta planta rectangular, nave central máis alta que as laterais, ábsida semicircular e, ás veces, transepto.
Exemplos destacados son a Antiga Basílica de San Pedro e a San Xoán de Letrán.
Tamén son importantes as catacumbas, galerías subterráneas utilizadas como cemiterios e lugares de culto, como as Catacumbas de San Calixto.
Mausoleo, construcción funeraria, empregada para martires.
Escultura
A escultura paleocristiana é máis simbólica que realista. Adopta formas romanas pero simplifica as figuras. Son frecuentes os relevos en sarcófagos con escenas bíblicas, como o Sarcófago de Xunio Basso.
A representación de Cristo evoluciona desde a figura do Bo Pastor, inspirada en modelos clásicos, ata imaxes máis solemnes.
Pintura
A pintura aparece sobre todo nas catacumbas. Caracterízase polo simbolismo e pola sinxeleza formal. As escenas representan episodios bíblicos e símbolos como o peixe, o crismón ou o bo pastor. Non buscan realismo, senón transmitir mensaxes relixiosas.
Artes decorativas
Destacan os mosaicos, que comezan a adquirir relevancia nas primeiras basílicas. Os temas eran relixiosos, representan o divino, son moi coloridos. Utilízanse tamén obxectos litúrxicos en marfil, metal e vidro.
Aspectos a resaltar segundo Sara Rubayo
No libro Te gusta el arte aunque no lo sepas, Sara Rubayo destaca que a arte paleocristiana reutiliza modelos romanos pero cambia completamente o seu significado. Subliña a importancia do simbolismo e explica que moitas imaxes que hoxe asociamos ao cristianismo teñen raíces na arte clásica. Tamén insiste en que esta arte non busca beleza ideal senón comunicar unha mensaxe clara aos fieis.
ARTE BIZANTINA
Ubicación xeográfica
A arte bizantina desenvolveuse no Imperio Romano de Oriente, con capital en Constantinopla, actual Istambul en Turquía. Estendeuse polos Balcáns, Grecia, Asia Menor e parte de Italia, entre os séculos V e XV.
Contexto histórico
Tras a división do Imperio Romano no ano 395, o Imperio de Oriente mantivo a súa forza política e cultural. O cristianismo consolidouse como relixión oficial e o emperador exercía tamén un papel relixioso. A arte converteuse nun instrumento de poder e de expresión da fe ortodoxa.
Arquitectura
O edificio máis característico é a igrexa de planta centralizada con gran cúpula. O exemplo máis emblemático é a Santa Sofía, construída no século VI baixo o mandato de Xustiniano I.
Destaca o uso da cúpula sobre pechinas, que permite pasar dunha planta cadrada a unha circular. Os interiores son ricamente decorados con mosaicos dourados.
Escultura
A escultura exenta é escasa, xa que a tradición cristiá oriental rexeitaba a representación tridimensional por medo á idolatría. Predominan os relevos e pequenas pezas en marfil. Exemplo: Cuarenta mártires de Sebaste.
Pintura
A pintura bizantina caracterízase pola frontalidade, a falta de perspectiva e o forte simbolismo. As figuras son ríxidas, hieráticas e espirituais. O fondo dourado simboliza o mundo divino.
Unha das manifestacións máis importantes son os iconos, imaxes relixiosas sobre táboa destinadas á veneración.
Mosaico
O mosaico alcanza gran esplendor, especialmente en igrexas como a Basílica de San Vital, onde aparecen representacións de Xustiniano e a súa corte. As teselas douradas crean un efecto luminoso e espiritual.
Artes decorativas
Destacan os iconos, tecidos de luxo, esmaltes e obxectos litúrxicos. A arte bizantina presta grande atención á ornamentación e á riqueza dos materiais.
Aspectos a resaltar segundo Sara Rubayo
Sara Rubayo explica que a arte bizantina non busca realismo, senón transmitir espiritualidade e poder. Resalta o uso do dourado como símbolo do divino e a importancia dos iconos como imaxes que non son simples retratos, senón pontes cara ao sagrado. Tamén sinala que moitas representacións actuais de Cristo e da Virxe proceden directamente dos modelos bizantinos.
Conclusión
A arte paleocristiana marca o inicio dunha arte cristiá propia, baseada no simbolismo e na adaptación de modelos romanos. A arte bizantina leva esa tradición cara a unha estética máis espiritual, rica e solemne, onde a luz, o dourado e a frontalidade buscan transmitir a presenza do divino. Ambas sentan as bases da arte medieval europea e da iconografía cristiá posterior.
No hay comentarios:
Publicar un comentario