Buscar en este blog

jueves, 7 de mayo de 2026

ARTE ROCOCÓ

 ARTE ROCOCÓ


Ubicación xeográfica


A arte rococó xurdiu en Francia a principios do século XVIII, durante o reinado de Luis XV, e desde alí espallouse por toda Europa, con focos importantes en Alemaña, Austria, Italia e España. Tivo especial desenvolvemento nas cortes aristocráticas e nos palacios da nobreza.


Contexto histórico


Desenvolveuse aproximadamente entre 1715 e 1770, como reacción contra a solemnidade e o exceso monumental do Barroco. É a arte da aristocracia e da alta burguesía nun período de relativa paz e prosperidade. Coñécese como o "século das luces" e tamén como o "Antigo Réxime", xusto antes da Revolución Francesa (1789). É unha época de festas, amor galante, vida cortesá e frivolidade, na que a nobreza busca a elegancia, o pracer e a intimidade.


Arquitectura


A arquitectura rococó é íntima, chea de adornos ornamentais no seu interior, refinada, ao servizo do pracer e da vida social. A esculturas avandonan as fachadas para adornar os xardíns. As ventás aumentan ou seu tamaño. Os salóns, gabinetes e boudoirs (habitacións onde as mulleres podían asearse, maquillarse, ter conversas intimas son os espazos máis característicos. As liñas curvas (formas de cuncha, "rocaille") e as decoracións vexetais (flores, follas, enredadeiras) cobren paredes e teitos. O branco, os dourados e as cores pastel dominan os interiores. O edificio máis significativo vai ser o palacio.

Exemplos destacados son o Salón da Princesa no Palacio de Soubise (París), o Palacio de Sanssouci en Potsdam (Alemaña) e o Palacio Real de Madrid (nos seus interiores). En Alemaña, destaca a Igrexa de Wies (Baviera).


Escultura


A escultura rococó é delicada, elegante e intimista. As figuras son de pequeno tamaño, con poses lixeiras e graciosas, pensadas para decorar interiores. Os temas son mitolóxicos, alegóricos ou pastorís, con moito sentido do erotismo e da sensualidade.

O máximo expoñente en Francia é Clodion, coas súas figuras de terracota de ninfas e sátiros abrazándose.



Pintura


A pintura rococó caracterízase pola lixeireza, a elegancia e o erotismo suxerido. As cores son claras, pastel (rosa, azul, verde, amarelo) e luminosas. As pinceladas son soltas e lixeiras, case esfumadas. Os temas son frívolos e placenteros: escenas de amor galante (fêtes galantes), retratos de sociedade, paisaxes idealizadas, mitoloxía erótica e escenas da vida aristocrática (paseos, concertos, merendas campestres).

Os grandes mestres do rococó francés son:

Élisabeth Louise Vigée Le Brun (Francia): Foi a retratista favorita de María Antonieta. Autorretrato (1782)

Antoine Watteau: inventor da "fête galante" (Peregrinación á illa de Citerea).

François Boucher: pintor de mitoloxía erótica e retratos de Madame de Pompadour (Diana despois do baño).

Jean-Honoré Fragonard: escenas de amor e xogueteo erótico (O columpio, A pechadura).

En Italia destaca Giambattista Tiepolo, mestre do fresco ilusionista con ceos abertos (Palacio Real de Madrid).


Outras técnicas


O fresco mantén a súa importancia, especialmente en teitos, con composicións aéreas e lixeiras (Tiepolo).

O debuxo e a augada cobran relevancia como expresión directa e lixeira.


Artes decorativas


As artes decorativas alcanzan un desenvolvemento extraordinario. Son a verdadeira esencia do rococó. Destacan:

Mobiliario: mesas, cadeiras, secretaires, cómodas, con formas curvas, marquetería de madeiras finas, bronces dourados, porcelanas de Sèvres (Francia) e Meissen (Alemaña).

Porcelana: pequenas figuras de porcelana para decorar interiores.

Ourivería: xoias, caixas de rapé, xogos de té.

Tapices: Gobelinos con escenas pastorís ou mitolóxicas.

Espellos: grandes e ricamente enmarcados.


Aspectos a resaltar segundo Sara Rubayo


No libro Te gusta el arte aunque no lo sepas, Sara Rubayo explica que o rococó é a arte do pracer, da frivolidade e da elegancia. É unha arte que nace como reacción á seriedade e monumentalidade do Barroco, buscando a intimidade e o goce. Rubayo destaca que é a arte dunha aristocracia que vive de costas aos problemas reais do pobo, o que provocará a súa caída coa Revolución Francesa. Subliña a importancia da liña curva (a "rocaille" ou forma de cuncha) como elemento decorativo central, e o gusto polas cores pastel e as formas lixeiras. Tamén sinala que o rococó, malia ser criticado como superficial, deixou un legado enorme nas artes decorativas e na pintura de xénero. Moitas das súas características (cores suaves, elegancia, erotismo suxerido) recuperaranse posteriormente en movementos como o Impresionismo.


Conclusión


A arte rococó representa a exaltación do pracer, a elegancia e a intimidade. É unha arte lixeira, refinada e sensual que se opón á grandiosidade e ao dramatismo do Barroco. Aínda que durante moito tempo foi menosprezada por considerarse superficial e frívola, hoxe recoñécese como un período artístico cunha personalidade propia, cuxa influencia nas artes decorativas, na pintura de xénero e na concepción do espazo interior é fundamental. O rococó é, en palabras de Rubayo, "a arte de gozar da vida", un canto á beleza, ao amor e ao pracer que rematará de forma abrupta coa Revolución Francesa e a chegada do Neoclasicismo.


ARTE BARROCA

 ARTE BARROCA


Ubicación xeográfica


A arte barroca xurdiu en Italia a principios do século XVII, especialmente en Roma, e espallouse por toda Europa e América Latina. Cada país adaptouna ás súas propias necesidades e tradicións, dando lugar a variantes como o Barroco italiano, flamengo, holandés, español e francés.


Contexto histórico


Desenvolveuse nun período de forte tensión relixiosa e política. A Igrexa católica utilizou a arte como ferramenta de propaganda na Contrarreforma para combater o avance do protestantismo. As monarquias absolutas tamén a empregaron para exaltar o seu poder. É unha época de guerras, pero tamén de auxe económico e científico.


Arquitectura


A arquitectura barroca busca o movemento, a espectacularidade e a emoción. Utiliza liñas curvas (frontóns elípticos, columnas salomónicas), xoga coa luz e a sombra, e integra pintura e escultura no espazo.

Exemplos destacados son a Praza de San Pedro do Vaticano (Bernini), a Igrexa de San Carlino ás Catro Fontes (Borromini) e o Palacio de Versalles.



Escultura


A escultura barroca é dramática, realista e chea de movemento. Busca emocionar ao espectador representando momentos de gran intensidade, como éxtasis relixiosos ou martirios. As figuras parecen cobrar vida grazas ao estudo da anatomía e da luz.

O máximo expoñente é o italiano Bernini, con obras mestras como o Éxtase de Santa Teresa ou o Rapto de Proserpina.

En España destaca a escola castelá con Gregorio Fernández (Cristo xacente) e a escola andaluza con Martínez Montañés e Pedro de Mena.


Pintura


A pintura barroca caracterízase polo realismo, o dinamismo e o forte contraste de luz e sombra (tenebrismo). As composicións son diagonais e complexas, con figuras que saen do lenzo cara ao espectador.

Os temas son variados: relixiosos (para a Contrarreforma), mitolóxicos, retratos (individuais e de grupo), paisaxes, bodegóns e escenas de xénero.

Exemplos destacados:

Caravaggio (Italia): pai do tenebrismo, con obras como A vocación de San Mateo.

Rubens (Flandes): cores vivas, movemento, figuras voluptuosas (As tres gracias).

Rembrandt (Holanda): mestría no claroscuro e na psicoloxía (Rolda de noite).

Velázquez (España): realismo e complexidade compositiva (Las Meninas).

Artemisia Gentileschi (Italia): Susana e os vellos

Michaelina Wautier (Bélxica): O triunfo de Baco

Clara Peeters (Países Baixos): A mesa


Mosaico e outras técnicas


O mosaico perde relevancia fronte á pintura ao óleo e ao fresco.

A arte barroca destaca polo uso de técnicas ilusionistas como o trampantojo na pintura de teitos (Cúpula de San Ignacio de Loyola, Pozzo).


Artes decorativas


As artes decorativas alcanzan gran desenvolvemento, especialmente o mobiliario (bargueños, mobiliario pensado para arquivar papeis), a ourivería, a cerámica (Talavera, Buen Retiro) e os tecidos de seda e brocado. O gusto polo recargado e a riqueza material é unha constante.


Aspectos a resaltar segundo Sara Rubayo


No libro Te gusta el arte aunque no lo sepas, Sara Rubayo destaca que a arte barroca é puro teatro, unha arte que busca sorprender e emocionar. Subliña o uso da luz como elemento dramático e a ruptura co equilibrio renacentista. Resalta a presenza de artistas mulleres como a pintora belga Michaelina Wautier, que pintou grandes lenzos con desnudos masculinos, ou Clara Peeters, mestra do bodegón con autorretratos escondidos e anteriormente citada Artemisia Gentilieschi. Rubayo explica que o barroco reflicte a complexidade da natureza humana, con sentimentos contraditorios, e que por iso nos segue fascinando.


Conclusión


A arte barroca supón unha ruptura coa harmonía e a serenidade do Renacemento. É unha arte emocional, dinámica e espectacular que busca involucrar ao espectador. A través do realismo, o movemento e o xogo de luces, a arte barroca convértese nunha poderosa ferramenta de comunicación relixiosa e política, deixando un legado que influíu profundamente na arte occidental posterior.


ARTE MANIERISTA

 ARTE MANIERISTA


Ubicación xeográfica


A arte manierista xurdiu en Italia a principios do século XVI, principalmente en Florencia, Roma e Mantua. Desde alí espallouse por toda Europa, con focos importantes en Francia (Escola de Fontainebleau), os Países Baixos, Alemaña, España e Inglaterra.


Contexto histórico


Desenvolveuse entre 1520 e 1600 aproximadamente, como período de transición entre o Renacemento e o Barroco. É unha época de crise e inestabilidade: o Saqueo de Roma (1527), a Reforma protestante, a Contrarreforma católica e os descubrimentos xeográficos. O optimismo humanista do Renacemento dá paso a unha visión máis escéptica, angustiada e intelectual. Os artistas buscan unha arte máis libre e subxectiva.


Arquitectura


A arquitectura manierista rompe có equilibrio e a harmonía renacentistas. Os arquitectos manipulan os elementos clásicos de maneira caprichosa, buscando a sorpresa e a tensión. Utilizan columnas de gran tamaño que parecen non soportar nada, frontóns rotos ou superpostos, e espazos complexos e ambiguos.

Exemplos destacados son a Biblioteca Laurenciana de Miguel Anxo (Florencia), coa súa famosa escaleira de tres brazos, e o Palacio del Té en Mantua, de Giulio Romano, con columnas que parecen esvarar.

En Francia destaca o Castelo de Chambord.


Escultura


A escultura manierista caracterízase polas figuras alongadas e esveltas, con posturas artificiosas e retorcidos (serpentinata). As composicións son complexas, pensadas para seren contempladas desde múltiples puntos de vista. Búscase a elegancia, a sofisticación e o virtuosismo técnico, non o realismo.

O máximo expoñente é Giambologna, coa súa obra mestra O rapto das sabinas (escultura en espiral sen punto de vista principal).

Benvenuto Cellini destaca polas súas pequenas esculturas en bronce, como Perseo coa cabeza de Medusa.


Pintura


A pintura manierista rexeita a serenidade e o equilibrio do Renacemento. As figuras son alongadas, esveltas e con poses forzadas (figuras serpentinata). As composicións son asimétricas, abarrotadas e sen punto focal claro. As cores son irreais, frías e brillantes (verdes, amarelos, violetas). A perspectiva é inestable e os espazos ambiguos.

Exemplos destacados:

Parmigianino: A Virxe do pescozo longo (figura de pescozo desproporcionadamente longo).

Pontormo: O Depósito da Cruz (cores irreais, figuras flotantes, composición caótica).

Rosso Fiorentino: O Depósito da Cruz (composición abarrotada, cores ácidas).

El Greco: traballa en España, con figuras estilizadas e luz espiritual (O enterro do Conde de Orgaz).


Outras técnicas


O debuxo adquire gran importancia como obra autónoma, non só como boceto. Os artistas manieristas valoran o virtuosismo do trazo.

O gravado e a estampa difunden os modelos manieristas por toda Europa.


Artes decorativas


Desenvolvense as artes suntuarias: mobles con marquetería, ourivería (Cellini), tapices e porcelanas. O gusto polo exquisito e o refinado é característico deste período.


Aspectos a resaltar segundo Sara Rubayo


No libro Te gusta el arte aunque no lo sepas, Sara Rubayo explica que o manierismo é como a "adolescencia" da historia da arte: un período de inestabilidade, experimentación e rebeldía. Subliña que é un estilo que nace do "hartazgo" das normas renacentistas, cando os artistas xa dominaban a perfección e buscaban algo novo. Rubayo resalta a liberdade creativa do manierismo, o seu gusto pola provocación e a súa fascinación polo artificio e o dobre sentido. Tamén sinala que Miguel Anxo, na súa etapa final, foi o gran iniciador deste estilo, rompendo coas súas propias regras clásicas. A palabra "manierismo" vén de "a miña maneira" (alla maniera di), e iso é o que define este período: cada artista busca o seu propio estilo persoal.


Conclusión


A arte manierista representa unha ruptura consciente coa harmonía, o equilibrio e a idealización do Renacemento. É unha arte intelectual, elitista e provocadora que valora a liberdade creativa, a complexidade compositiva e a elegancia artificial. Aínda que durante séculos foi considerado un estilo decadente, hoxe recoñécese como un período artístico independente e fundamental para entender a transición cara ao Barroco. A súa influencia perdurou no gusto cortesán europeo e en artistas posteriores como El Greco.


 ARTE DO RENACEMENTO



UBICACIÓN XEOGRÁFICA
O Renacemento xorde en Italia no século XV, especialmente en cidades como Florencia, Roma e Venecia, e espállase posteriormente por toda Europa: Francia, Alemaña, Inglaterra e España.

CONTEXTO HISTÓRICO
O Renacemento xorde nun período de recuperación cultural e económica tras a Idade Media. Hai un interese polos clásicos grecolatinos, a ciencia, a filosofía e o humanismo. A arte pasa a centrarse no ser humano e na natureza, buscando equilibrio, harmonía e beleza ideal. As cidades-Estado italianas como Florencia, Siena ou Milán son centros culturais financiados por mecenas como a familia Medici.

ARQUITECTURA
Caracterízase pola simetría, proporción e claridade das formas. Utilízanse arcos de medio punto, cúpulas, columnas e frontóns inspirados na Antigüidade clásica.
Exemplos: Catedral de Santa María del Fiore en Florencia (Brunelleschi), Basílica de San Pedro en Roma (Michelangelo entre outros arquitectos) , Palazzo Medici-Riccardi en Florencia.

ESCULTURA
A escultura renacentista busca o naturalismo, o equilibrio e a representación realista do corpo humano. Emprega perspectiva, proporción e estudo anatómico.
Exemplos: David de Michelangelo Buonarroti, Piedad de Michelangelo, David de Donatello.

PINTURA
Destaca o uso da perspectiva lineal, a luz e a sombra (claroscuro) e a proporción anatómica. Aparecen temas relixiosos, mitolóxicos e retratos de mecenas.
Exemplos: A Última Cea de Leonardo da Vinci, Nacemento de Venus de Sandro Botticelli, A Escola de Atenas de Raffaello Sanzio ou  A partida de xadrez de Sofonisba Anguissola.

ARTES DECORATIVAS
Inclúen tapices, mobles, obxectos en ouro e prata, e frescos decorativos en palacios e igrexas. A atención aos detalles e a harmonía estética é fundamental.

ASPECTOS A RESALTAR SEGUNDO SARA RUBAYO
Segundo Sara Rubayo no libro Te gusta el arte aunque no lo sepas, o Renacemento representa o triunfo do humanismo: a arte céntrase no ser humano, na natureza e na ciencia. Destaca que a recuperación dos modelos clásicos non é copia senón reinterpretación, e que moitas innovacións técnicas como a perspectiva, o claroscuro e a composición equilibrada cambiaron radicalmente a forma de representar a realidade.

CONCLUSIÓN
O Renacemento supón un cambio profundo na arte europea: abandónase a estilización medieval e gótica, céntrase na observación do mundo real e a expresión da beleza ideal, asentando as bases para a arte moderna.




jueves, 2 de abril de 2026

ARTE ROMÁNICA E GÓTICA

 ARTE ROMÁNICA E GÓTICA

ARTE ROMÁNICA

Ubicación xeográfica
A arte románica desenvolveuse en Europa occidental entre os séculos XI e XII. Espállase por Francia, España, Italia, Alemaña e tamén por territorios vinculados ás rutas de peregrinación, especialmente o Camiño de Santiago.

Contexto histórico
Xorde nun contexto de consolidación do feudalismo e de grande poder da Igrexa. Europa vive unha etapa de estabilidade relativa tras as invasións dos séculos anteriores. As peregrinacións, sobre todo a Santiago de Compostela, favorecen a difusión dun estilo artístico común en boa parte do continente. A arte está ao servizo da relixión e da educación dos fieis, nunha sociedade maioritariamente analfabeta.

Arquitectura
O edificio principal é a igrexa e o mosteiro. As igrexas románicas presentan planta de cruz latina, muros grosos, poucas fiestras, arcos de medio punto e bóvedas de canón. O aspecto xeral é macizo e sólido.
Exemplos destacados son a Catedral de Santiago de Compostela, a Mosteiro de Cluny e a Igrexa de San Martín de Frómista.

Escultura
A escultura está integrada na arquitectura, especialmente en portadas, capiteis e tímpanos. Ten función didáctica e simbólica: representa escenas bíblicas, o Xuízo Final ou o Pantocrátor. As figuras son ríxidas, pouco naturais e adaptadas ao marco arquitectónico.
Un exemplo destacado é o Pórtico da Gloria da Catedral de Santiago de Compostela.

Pintura
A pintura románica é mural, realizada ao fresco sobre os muros das igrexas. Caracterízase pola frontalidade, o uso de cores planas e a ausencia de perspectiva. As figuras son esquemáticas e simbólicas.
Un exemplo moi coñecido é o Pantocrátor de San Clemente de Taüll.

Artes decorativas
Destacan os códices iluminados, as pezas de ourivaría e os frontais de altar pintados ou en metal. Tamén teñen relevancia os relicarios, moi ligados ao culto ás reliquias.

Aspectos a resaltar segundo Sara Rubayo
Segundo Sara Rubayo en Te gusta el arte aunque no lo sepas, a arte románica funciona como unha gran Biblia visual. As imaxes non buscan realismo senón ensinar e impresionar. Subliña que o medo ao castigo divino e a importancia do Xuízo Final están moi presentes, e que a arte era unha ferramenta de comunicación directa para unha sociedade sen acceso á lectura.



ARTE GÓTICA

Ubicación xeográfica
A arte gótica xorde en Francia no século XII e espállase por Europa occidental ata o século XV. Ten especial desenvolvemento en Francia, España, Alemaña e Inglaterra.

Contexto histórico
Coincide có crecemento das cidades, o fortalecemento da burguesía e a consolidación das monarquías. A sociedade faise máis urbana e dinámica. As catedrais convértense en símbolo do orgullo das cidades e do poder relixioso.

Arquitectura
A catedral é o edificio principal. Caracterízase polo arco apuntado, a bóveda de crucería e os arcobotantes, que permiten elevar os muros e abrir grandes ventás. O resultado é unha arquitectura máis alta, luminosa e vertical que a románica.
Exemplos destacados son a Catedral de Notre-Dame de París, a Catedral de Chartres e a Catedral de León.

Escultura
A escultura gótica gaña naturalismo e movemento. As figuras son máis realistas, expresivas e proporcionadas. Aparecen sorrisos, xestos e maior humanización das escenas relixiosas.

Pintura
A pintura evoluciona cara a un maior realismo. Ademais dos murais, desenvólvese a pintura sobre táboa e os retablos. Introdúcese a perspectiva de forma progresiva e maior detalle nas vestimentas e expresións.

Vidreiras
Un elemento fundamental do gótico son as vidreiras, que enchen as catedrais de luz e cor. Representan escenas bíblicas e crean unha atmosfera espiritual. A luz convértese nun símbolo do divino.

Artes decorativas
Destacan os retablos, a ourivaría, os tapices e os manuscritos iluminados. A arte faise máis refinada e detallista, acorde co crecemento económico urbano.

Aspectos a resaltar segundo Sara Rubayo
Sara Rubayo sinala que o gótico supón un cambio importante: fronte á escuridade e solidez románica, aparece a luz, a altura e unha maior humanización das figuras. Destaca que as catedrais góticas eran auténticos centros sociais e culturais, non só relixiosos. Tamén explica que o interese polo naturalismo anuncia xa cambios que conducirán ao Renacemento.

Conclusión
A arte románica representa unha etapa de estabilidade feudal e forte simbolismo relixioso, con edificios sólidos e imaxes didácticas. A arte gótica, pola súa parte, reflicte unha sociedade máis urbana e dinámica, caracterizada pola verticalidade, a luz e un crecente interese polo realismo. Ambos estilos son fundamentais para comprender a arte medieval europea.